Pontevedra xa está en festas!
Nove días de festexos. Ata o próximo 20 de agosto, a cidade de Pontevedra celebra a semana grande das súas Festas de Verán. Xa están aquí as Festas da Peregrina e, como manda a tradición, comezaron co pregón no Pazo de Mugartegui que, nesta ocasión, correu a cargo da empresaria Conchi Pereiro.
No balcón acompañábana o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; e representantes dos grupos políticos con presenza na corporación municipal. Todos eles arrouparon á flamante pregoeira, a encargada de dar o pistoletazo de saída ás festas.
Na súa intervención, Conchi Pereiro recoñeceu que ser pregoeira "é unha honra e unha grande responsabilidade" e asegurou estar "orgullosa" desta oportunidade que lle brinda a cidade a esta muller, unha persoa moi activa na vida social e cultural de Pontevedra.
"Todos debemos de participar na vida da nosa cidade, non lle deamos as costas", sinalou no seu pregón. "Fagamos cidade apoiando a nosa cultura, as nosas tradicións, porque forman parte de nós e debemos de mantelas e defendelas".
Aínda que se trataba dun pregón festivo, Conchi Pereiro quixo introducir unha vertente reivindicativa. Así, pediu á sociedade pontevedresa que saian á rúa para "defender os nosos dereitos como persoas e facernos escoitar alto e claro" e fixo un chamamento para recuperar a "dignidade perdida" e a loitar pola sociedade que queremos.
Apelando á súa colaboración con numerosos colectivos, sinalou tamén que os pontevedreses "debemos apoiar o tecido comercial e empresarial para poder crecer como cidade", así como conservar e respectar a cultura tradicional galega "da que me sinto tan orgullosa" porque "forma parte do noso patrimonio".
Pontevedra, dixo, "é unha cidade ideal" tanto para os seus habitantes como para os visitantes que se achegan a coñecela e encomiou os premios recibidos polo seu modelo urbano, que a cidade teña un dos centros históricos mellor conservados, a importancia do Museo ou a gran actividade cultural e lecer que a Boa Vila pode ofrecer.
Para iso, Conchi Pereiro pediu que "gocemos en liberdade", sen que ninguén poida sentirse sinalado "por ser doutra cor ou sentirse distinto sexualmente"; e tivo un recordo especial para todas aquelas mulleres que "non van poder estar nin nesta festa nin en ningunha outra por culpa dun machismo cavernícola".
Ao remate do pregón e cun conciso "Viva Pontevedra!", o alcalde deu o chupinazo das festas, dando paso á primeira das actividades, a tradicional ofrenda floral á Virxe Peregrina, que se celebrou nas inmediacións do santuario que leva o seu nome.
Ademais, un pasarrúas amenizou a xornada, desde César Boente ata a praza da Peregrina. Nel participaron as agrupacións folclóricas Os Alegres, Os de Algures, Grupo Polavila, Gaiteiros das Rías Baixas, Duos Pontes e Celme.
Relacionadas:
-
RADIO.- Nacho Mañó de Presuntos Implicados acompaña a Gustavo Almeida na Ferrería
Por Marisa Ciordia |
-
Deteñen un mozo por tráfico de marihuana no recinto nas Festas da Peregrina
Por Redacción |
-
A devoción pola Virxe Peregrina inunda as rúas de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Un gran espectáculo pirotécnico pon o broche de ouro ao primeiro día de festas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O son galego e cubano de Roi Casal abre os concertos das Festas da Peregrina
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pontevedra renova a tradición da ofrenda floral á Virxe Peregrina
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A 'Meleira' reivindica o seu espazo nas Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |
-
O PP lanza pola súa conta o cartel das festas da Peregrina
Por Natalia Puga |
-
RADIO.- Traballa, canta, toca, baila, coida o medioambiente ...e pregoará as Festas de Pontevedra
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Carme da Silva: "Levar as festas é unha das cousas máis gratificantes que lle pode pasar a unha concelleira"
Por Marisa Ciordia |