O PSOE leva ao Parlamento o "reparto a dedo" das motobombas antiincendios na comarca
Por Redacción
A deputada socialista Patricia Vilán levará ao Parlamento de Galicia a protesta que leva días realizando o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Diaz, sobre o reparto de camións antiincendios que está a realizar a Xunta de Galicia. Mentres este concello reclama a renovación do seu vello camión motobomba, de 25 anos de antigüidade, sen éxito, outros municipios da zona gobernados polo PP como Cerdedo-Cotobade e A Lama, recibiron o seu.
Segundo deu a coñecer o Concello este sábado, Patricia Vilán presentou varias preguntas dirixidas á conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, sobre a "discriminación" de municipios como Ponte Caldelas o Caldas de Reis. Andrés Diaz indica ao respecto que existe un "reparto a dedo" deste tipo de medios, un "exercicio máis de partidismo a cargo da Xunta de Galicia e de frivolidade diante dunha cuestión de primeira necesidade".
A iniciativa socialista recórdalle á Xunta que era tradición na Consellería de Medio Rural aprobar unha orde reguladora pola que se aprobaban as bases para a concesión e reparto deste tipo de medios para a loita contra o lume, sempre en réxime de concorrencia competitiva.
Fronte ao que era habitual, en 2016 cambiaron os criterios e Ponte Caldelas afirma que "xa só publica ordes polas que anuncia a cesión directa, o que significa que se descoñece a existencia dalgún tipo de procedemento de concorrencia ou convocatoria regrada na que se fixen criterios obxectivos".
Patricia Vilán pregunta que criterios utiliza o goberno galego para repartir os camións, se ten convocado algún procedemento de concorrencia competitiva en condicións de igualdade, publicidade e transparencia, se ten previsto publicar máis ordes de reparto ao longo deste ano e se ten previsto acceder ás peticións formuladas polos concellos de Ponte Caldelas e Caldas de Reis.
O Concello de Ponte Caldelas insiste en que o interior da provincia está nunha "zona de sombra" no que ten que ver coa atención das emerxencias e que, no seu caso, tan só contan con esta camión motobomba para a atención ás emerxencias urbanas.