Accidentes nocturnos cun motorista ferido en Cambados e un coche envorcado en Pontevedra
Por Redacción
Sobre as 01.00 horas desta noite do sábado 12 producíase un accidente de tráfico entre un turismo e unha motocicleta no Ribeiro, Corbillón, no municipio de Cambados. Un home de 63 anos, veciño deste concello, resultaba ferido con dores no costado esquerdo e unha brecha na cella dereita.
Os servizos do 061 trasladaron ao home ata o Hospital do Salnés para unha exploración detallada e o tratamento das feridas.
Segundo informa Protección Civil de Cambados ata o lugar trasladáronse membros desta agrupación, a Policía Local, a Garda Civil de Tráfico e Atestados.
ENVORCA UN COCHE EN LOURIZÁN
Non foi o único accidente nas estradas das Rías Baixas durante esta noite. Ás 07.45 horas, o 112 Galicia recibía a alerta dun particular ante a presenza dun coche envorcado no punto quilométrico 3,500 da PO-546, á altura da parroquia de Lourizán.
Segundo a información facilitada polo Servizo de Emerxencias do 112 Galicia, a persoa que conducía o vehículo puido saír do interior do turismo polos seus propios medios.
Desde o Centro de Emerxencias informábase ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Pontevedra e ao servizo de mantemento de estradas.