O Areeiro confirma que a vendima se adiantará e haberá unha segunda no outono
Por Redacción
A vendima vaise adiantar este ano de xeito significativo nalgunhas comarcas, o que fai posible a realización dunha segunda vendima no outono dos acios que medran nos gromos coñecidos como netos ('rebuscos'), segundo constatou este venres a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra.
Os técnicos comprobaron nas visitas ás viñas que os 'rebuscos' son abundantes, están sas en xeral e teñen bo tamaño este ano, segundo informou a Deputación a través dun comunicado.
A especialista Rosa Pérez Otero sinala que, en canto aos patóxenos, a situación das viñas neste momento final é moi boa, e mesmo plantas abandonadas este ano están case libres de síntomas de Mildeu.
Con respecto ao Oídio, pese a que houbo repetidamente ao longo da campaña condicións que favoreceran o patóxeno, a realidade é que, salvo moi contadas excepcións, apenas houbo presenza no albariño. Sobre a Botrite, desde os últimos días de xullo a carga de esporas recollida e en todas as fincas visitadas a ausencia de síntomas deste fungo é practicamente total.
Na última semana as capturas couzas do acio mantivéronse en niveis extremadamente baixos e os únicos síntomas de trips estiveron confinados nos gromos terminais da finca de O Salnés. En canto aos ácaros, é de destacar unicamente a presenza de novos síntomas de erinose de verán que continúan a aparecer nos novos crecementos, nun ano en que realmente o seu axente causal, Colomerus vitis, foi o ácaro máis amplamente distribuído nas viñas.
En canto á viña, o aviso fitosanitario avisa que a ausencia de precipitación destacable continúa favorecendo que aparezan plantas con síntomas de seca, e tamén a elevada luminosidade sobre as caras expostas dos acios está favorecendo a expresión dos golpes de sol.
Do mesmo xeito, o clima deste ano favoreceu que se manifesten máis plantas con síntomas de alteracións da madeira, que é preciso marcar nos brazos afectados ou a planta enteira para que estean ben identificadas no momento da poda.