Un operario de mantemento de estradas, ferido ao ser atropelado por unha furgoneta
Por Redacción
Un operario de mantemento de estradas resultaba ferido de gravidade na tarde deste venres na Autovía do Salnés ao ser atropelado por unha furgoneta. Os feitos ocurriron na AG-41, concretamente no punto quilométrico 14.
O accidente rexistrábase ao redor das 15.30 horas, cando o operario aparcaba o vehículo que utiliza para realizar os labores de limpeza da vía e baixaba á calzada baixo a ponte que se atopa nas proximidades da saída a Dena (Meaño).
Nese momento, segundo testemuñas presenciais, debido á sombra da ponte, o condutor dunha furgoneta non lograba ver á vítima e embestía contra o home desprazándoo varios metros e causándolle feridas de gravidade, principalmente na cabeza.
Ata o lugar desprazouse a Garda Civil de Tráfico, unha ambulancia medicalizada na que se lle practicaron os primeiros auxilios á vítima e un helicóptero do Servizo de Emerxencias de Galicia, que finalmente trasladaba ao home ao centro hospitalario Álvaro Cunqueiro para atenderlle das feridas sufridas polo impacto.
Numerosas persoas apiñáronse nas vías secundarias da contorna para observar a intervención. A Garda Civil de Tráfico reduciu o tráfico a un dos carrís dese tramo. Un particular foi quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia pasados uns minutos das 15.30 horas. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informábase do sucedido aos técnicos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Ribadumia e aos efectivos do GES de Sanxenxo.