Facer turismo para mirar paxariños, nova promoción das Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo responsable en Galicia da Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife, Gustavo Ferreiro, deu a coñecer unha nova campaña de promoción do turismo ornitolóxico na provincia.
A iniciativa ten un dobre obxectivo de por unha parte dar a coñecer o potencial deste territorio para a observación de aves en paraxes espectaculares e ao mesmo tempo sensibilizar á veciñanza sobre a necesidade de protección destes espazos, que son un recurso natural de primeira orde e unha oportunidade de desenvolvemento turístico a potenciar.
O complexo Umia – O Grove, As Brañas de Xestoso, o Parque Nacional das IIlas Atlánticas, e as Marismas do Alba, son uns dos principais destinos do territorio español para os e as amantes da observación das aves polo que é importante fomentar este tipo de turismo que "é unha tendencia en auxe" e que pasou de ser unha simple "actividade de ocio" a converterse dende hai uns anos "nunha opción de viaxe diferenciada". Silva destacou que o ornitolóxico é un tipo de turismo "de alta calidade, sostible e respectuoso co medio, que é o tipo de turismo que na Deputación de Pontevedra queremos promover".
A campaña de promoción enmárcase no patrocinio de 7.260 euros para unha serie documental que se emitirá a finais deste ano en Televisión Española e en distintas canles autonómicas denominado: "España, la tierra prometida", sobre as aves e o turismo ornitolóxico onde o territorio e o potencial das Rías Baixas e da provincia de Pontevedra como espazos para a observación dos teñen unha presenza destacada en tres dos catro capítulos que o conforman, e cuxa emisión coincide co Ano Internacional do Turismo Sostible para o Desenvolvemento 2017.
Relacionadas:
-
A Deputación promociona o turismo ornitolóxico organizando rutas guiadas con SEO Birdlife
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Sanxenxo e o Seo Birdlife promoverán as aves do municipio
Por Redacción |
-
O Gran Reto reunirá no Grove a "paxaritólogos" de toda España nun maratón ornitolóxico
Por Oskar Viéitez |