Un motorista arroia varias persoas en pleno centro histórico de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Dúas persoas foron arroiadas esta madrugada por un motorista, no centro histórico de Pontevedra. Os feitos tiveron lugar na rúa Paio Gómez Charino, nas proximidades do Teatro Principal.
Foi unha persoa particular a que chamou ao 112 Galicia ás 2:15 horas desta madrugada para alertar da situación. Segundo explicou, o motorista tamén resultara ferido.
Outra persoa, que tamén se puxo en contacto co 112, asegurou que tras o sinistro o motorista estaba agresivo e que, ademais, estaba a ser retido por varios transeúntes.
Segundo informou o portavoz da Policía Local, Manuel Omil, cando os axentes municipais chegaron ao lugar este individuo xa fora detido pola Policía Nacional grazas á colaboración de varios cidadáns.
Este home, de 35 anos de idade, percorreu coa súa moto ata en tres ocasiones a rúa Charino que naquel momento atopábase moi concorrida de xente.
Atropelou dúas persoas que resultaron feridas de carácter leve, que foron atentidas no lugar por persoal sanitario sen que fora necesario o seu traslado a un centro sanitario. Tamén resultou ferido leve con lesións na cara un membro da Policía Nacional cando o individuo tratou de fuxir.
Deu positivo na proba de alcoholemia cunha taxa de 1,16 mg/l en aire expirado. A Policía está á espera do laboratorio para que informe do resultado da análise de drogas, aínda que o detido xa admitiu que consumira.
O detido foi trasladado durante a mañá do venres ata un centro sanitario tras sufrir unha crise de ansiedade.
Está detido por un delito de condución temeraria e atentado a axente da autoridade.