Marín recruta voluntarios para participar na batalla de Aguete
Por Oskar Viéitez
Marín recreará a batalla de Aguete. Será sábado 19 de agosto cando os ingleses tenten entrar na vila sendo repelidos pola goleta Brillante de Gago de Mendoza na praza de España.
Na zona da Banda do Río estará instalada a base marítima de Gago de Mendoza coas súas hostes (a comparsa Os da Caña). A tropa inglesa terá a súa base a zona do edificio do Concello, antigamente as Torres de Marín, animados pola River Band (a asociación Amigos dos Rapaces).
Quen queira participar de extras nesta gran batalla terán que anotarse no Concello desde o vindeiro luns 14.
A recreación da batalla de Aguete é unha das novidades da Festa Corsaria que Marín celebrará os días 18 e 19 de agosto. O evento foi presentado este xoves na alameda polo goberno local xunto ás asociacións participantes. Trátase da sexta edición e estará dedicada aos oficios que se realizaban na vila no século XVIII uns traballos que catorce artesáns lembrarán no parque Eguren mentres que na Alameda, montarase un mercado de artesanía. Ademais haberá exhibición de paxaros exóticos na rúa do Sol, un taller de esgrima, espectáculos de animación e paseos en calesa de cabalos.
O programa da festa inclúe un man a man musical dos grupos Virandeira e Pelepau, e o concerto de Terapia de Grupo.
Continúa aberto ata o 14 de agosto o prazo para participar na festa con comidas e ceas para particulares e a hostalería. Por agora xa se presentaron 40 solicitudes de particulares para montar mesas para comidas de grupos nas rúas e prazas, máis outras 20 de bares e restaurantes.