O novo pavimentado do núcleo de Avecil mellora a accesibilidade dunha ducia de vivendas
Por Redacción
O núcleo de Avecil, a escasos metros de Cuñas e do centro urbano de Ponte Caldelas tamén beneficiouse do plan de mellora dos accesos que está a acometer o Concello ao longo deste verán.
A obra centrouse na primeira baixada a Avecil dende a pista principal. Un tramo de máis de 300 metros que é utilizado por moitos veciños, pois na zona están situadas máis dunha ducia de vivendas, incluída unha con uso turístico que vén de ser completamente rehabilitada, o que está a incrementar notablemente o tráfico rodado.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou os traballos e conversou cos veciños, que levaban tempo demandando esta actuación. A zona ten as súas complicacións, pois consiste nunha rede de camiños, algúns deles bastante estreitos e non sempre é fácil que as máquinas traballen coa amplitude necesaria. A principal mellora realizouse na pequena praza, o espazo asfaltado que serve de distribuidor entre varios camiños radiais. Alí entrábase cunha curva mal deseñada e na que se acumulaban augas pluviais. Corrixiuse a pendente, aplicando unha grosa capa de aglomerado en quente, e mellorouse a drenaxe do tubo de recollida. Tamén quedou completamente pavimentado un camiño estreito que contaba cun vello firme de formigón, no que foi necesario picar algunhas partes para ofrecer unha nova capa de rodadura asfáltica perfectamente nivelada.
A mellora serviu, finalmente, para colocar varias grellas en toda a zona evitando que as augas de choiva se volvan acumular nos puntos máis baixos e facilitar así non só a circulación rodada, senón o tránsito peonil.
O Goberno local, no que participan os grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, ten tamén previsto mellorar a outra baixada principal a Avecil, situada algúns metros máis adiante e seguir avanzando así a reforma da rede viaria de toda esta contorna.
Relacionadas:
-
Un valado para mellorar a seguridade viaria en Mirón
Por Redacción |
-
En Tourón os coches xa poden pasar polo camiño do Eiteiral
Por Redacción |
-
O plan de mellora de accesos ás vivendas tamén beneficia aos veciños da Reigosa
Por Redacción |
-
Rematan os problemas de acceso a varias vivendas da Fraga de Arriba
Por Redacción |
-
Arranxan un camiño veciñal en Caritel ao que non podían acceder as ambulancias
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas resolve os problemas de asolagamento en Chan da Casal, en Xustáns
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas acondiciona o acceso a parte do lugar de Rebordelo
Por Redacción |