O PP lanza pola súa conta o cartel das festas da Peregrina, unha tradición que suprimiu o Concello
Por Natalia Puga
O grupo municipal do PP de Pontevedra decidiu recuperar a tradición do cartel das festas da Peregrina que cada verán adoitaba facerse en Pontevedra, pero que o Concello suprimiu no ano 2004. Para facelo, falou co artista local Rafael Prieto, que deseñou un cartel para a ocasión e agora empezará a repartirse entre todos os veciños que o desexen.
Na actualidade, a programación específica destes festexos inclúese no cartel conxunto de Festas do Verán, pero o PP considera que é necesario recuperar un cartel propio, con identidade en por si como o eixo central das festas máis importantes do ano en Pontevedra, nas que o portavoz local do PP, Jacobo Moreira, lembra que os pontevedreses "sacan peito da súa capitalidade", pois a Virxe da Peregrina é a patroa da provincia.
Moreira indica que cada ano reciben na sede do PP a numerosos cidadáns que preguntan polo cartel, unha tradición tan arraigada na cidade que mesmo había veciños que os coleccionaban. Por tradición, había cartel con fotograría e ilustración que fixeron pontevedreses de referencia como Curro Volta ou Manuel Moldes.
O PP editou 500 carteis que pegarán pola rúa e, sobre todo, distribuirán directamente aos veciños que o demanden. Tan só deberán ir recollelo á sede local do partido na rúa Palamios. Aseguran que o fixeron con orzamento modesto, de maneira que o Concello non pode alegar que se deixara de facer polo custo económico.
Os 'populares' decidiron poñerse en contacto con Rafael Prieto para que realizase o cartel. Non lle deron directrices e o resultado mostrárono este xoves nunha comparecencia de Moreira e o propio artista na sede do partido. O pintor sente "encantadísimo" porque "soy un enamorado de esta ciudad".
O cartel quixo reflectir "la imagen de Pontevedra como ciudad", como a cidade de hai anos, pois se trata dunha tradición "muy bonita de nuestros antepasados" que a el lle gusta manter. A imaxe elixida ten moita cor porque "ni Andalucía ni nada, Pontevedra tiene mucho mucho color".