O PP abandona o pleno de Poio ao considerarse insultado
Por Redacción
O pleno extraordinario que se celebraba este martes en Poio volveu ser escenario doutra escena de tensión entre o grupo municipal do Partido Popular e o grupo de goberno. Nesta ocasión, a faísca saltou durante a intervención do concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, que sinalou que aqueles que informan do que non saben son ignorantes e atrevidos, unha frase que Ángel Moldes entendeu que lle aludía por manter encontros cos veciños para tratar o tema do IBI e a regularización catastral. Precisamente, este pleno extraordinario fora solicitado polo portavoz popular para tratar estes temas.
Moldes manifestou á saída que "cando tes que recorrer ao insulto non tes argumentos nin defensa". Os populares sinalan que ofreceron ata tres veces votar a favor das propostas presentadas polo BNG e o PSOE se aceptaban baixar o IBI e establecer bonificacións. O portavoz do PP manifestou que a convocatoria dun pleno ás 9 da mañá realizouse por parte do bipartito coa intención de evitar que acudisen os veciños.
O alcalde Luciano Sobral considera que a actitude dos populares é un acto de covardía e sinalou que se temían esta manobra por parte do grupo do PP porque entenden que están a mentir desde o principio sobre o tema da regulación catastral.
Ante a ausencia dos concelleiros populares, o bipartito aprobou os catro puntos que levaban a pleno. Desta forma, acordaron que pedirán que non se cobre taxa aos cidadáns coa cuarta revisión catrastal, que se modifiquen os valores catastrais das 20.000 propiedades de Poio, que os hórreos queden excluídos da tributación e que só se cobre o ano fiscal en curso.
Pola súa banda, os populares convocaron aos veciños a unha asemblea durante a tarde para tratar nun "pleno do pobo" para trasladarlles as súas propostas.
Relacionadas:
-
O PP de Poio denuncia "o Pleno da Vergonza" e convoca a veciñanza a unha mobilización
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio acusa o PP de "alarmar e desinformar os veciños" sobre a regularización catastral
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio pide un pleno extraordinario para abordar a modificación do IBI
Por Redacción |