Os técnicos empezan a inspeccionar as atraccións das festas para garantir a súa seguridade
Por Redacción
O Concello de Pontevedra volveu iniciar esta semana as habituais inspeccións das atraccións das festas do verán. En semanas anteriores xa se inspecionaron as instaladas para as festas de Santiaguiño do Burgo e agora é a quenda das que se están a instalar para as festas da Peregrina na zona da Alameda, Montero Ríos e Raíña Vitoria.
A consultoría Enmacosa é a encargada de facer estas inspeccións, nas que os técnicos seguen un protocolo específico para facer un exame o máis completo posible de cada unha das atraccións. Solicitan a documentación preceptiva de cada instalación (seguro de responsabilidade civil e as súas coberturas, libro de operacións, manual técnico ou proxecto…); comproban que as atraccións carezan de arestas que poidan resultar cortantes así como ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.
Os técnicos tamén avalían outros requisitos sobre a seguridade do público e da contorna, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os recorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano en xeral.
A empresa controla que letreiros, focos ou carcasas embelecedoras teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares amosen un perfecto estado de conservación e estean homologados para a súa utilización.
Para garantir a máxima seguridade, non se permiten cintos de seguridade desgastados ou que xeren folguras, nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que, ante unha perda de presión ou corte na subministración, se poidan afrouxar co peso ou o empuxe do usuario.
Unha vez en marcha, as atraccións deberán amosar en lugares claramente visibles carteis con recomendacións de interese para os usuarios que detallen especificamente os riscos e, no seu caso, as limitacións de idade e altura.