Catro membros dunha familia, detidos por "esquilmar" o patrimonio dun home con demencia senil
Por Redacción
Catro membros dunha mesma familia, residente no sur da provincia de Pontevedra, foron detidos pola Garda Civil acusados de "esquilmar" todo o patrimonio dun home de 68 anos, ao deixaron practicamente na indixencia.
A investigación iniciouse a finais de 2016 tras a denuncia do fillo da vítima, tras ingresar o seu pai nun centro hospitalario da cidade de Pontevedra nun "deplorable" estado físico e mental, despois de convivir durante dous anos con esta familia.
A relación da vítima con este clan familiar comezou cando coñeceu a unha muller de 65 anos nunha discoteca próxima a Pontevedra. Ambos iniciaron unha relación sentimental e foron vivir xuntos, primeiro en Arbo e despois na Guarda.
A relación foi "bastante traumática" para o home, segundo o relato do instituto armado, polos malos tratos e vexacións que recibía, tanto da muller que coñecera como da súa contorna familiar máis próxima.
A muller puido exercer, segundo os investigadores, o "poder de sedución suficiente" para apoderarse de todo o seu patrimonio, utilizando "diversos enganos e artimañas", como a apertura de contas bancarias conxuntas ás que transferiron o seu diñeiro, a contratación de microcréditos ao seu nome ou apoderándose de indemnizacións de pólizas de seguro
En total, logrou apropiarse dun capital superior aos 160.000 euros, diñeiro do que tamén se beneficiaron os outros membros do núcleo familiar.
Durante o tempo que a vítima estivo a convivir baixo o control desta familia, "sufriu todo tipo de vexacións, violencia física e psíquica", segundo a Garda Civil.
Segundo se desprende dos testemuños recollidos no marco da investigación, entre outros episodios, á vítima impedíanlle comer durante varios días nos que só lle permitían inxerir pan e auga e chegáronlle a romper as lentes de lectura para que non puidese ler os documentos que lle obrigaban a asinar.
Ademais da detención da muller, veciña da Guarda, como principal responsable do tramado famiIiar, foron arrestados a súa ex parella, de 70 anos, e dous dos seus fillos, de 46 e 43 anos, acusados de participar nos mesmos feitos e beneficiarse economicamente do patrimonio da vítima.
A todos eles impútaselles un delito contra a integridade moral, apropiación indebida e lesións.
Os axentes investigaron tamén un dos netos da matriarca familiar, de 25 anos, que está actualmente en prisión provisional acusado dun roubo con violencia en Ponteareas, e á noiva deste, tamén de 25 anos e veciña de Mos.
A vítima foi diagnosticada cunha grave demencia senil e atópase ingresado nunha residencia xeriátrica, onde lle tiveron que xestionar a apertura de novas contas bancarias para que poida volver cobrar as pensións de xubilación ás que ten dereito.
Os detidos foron postos a disposición do xulgado de instrución número 1 de Tui.