A ocupación hoteleira de Sanxenxo sobe dez puntos en xullo en dous anos
Por Redacción
Os datos de ocupación turística do mes de xullo confirman un incremento do número de visitantes en Sanxenxo, a vila turística habitualmente con máis ocupación cada verán e que durante o pasado mes obtivo un cheo case total nos establecementos hoteleiros, en concreto, co 82,21% das prazas ocupadas.
Estas cifras supoñen un incremento en dous puntos con respecto á ocupación do mes de xullo de 2016 -80.04%- e de dez se se compara con dous anos antes, con xullo de 2015.
Ademais dos datos de ocupación hoteleira, hai outras cifras que acreditan a demanda turística de Sanxenxo, as relativas ao consumo de auga, ao lixo xerado ou á demanda de aparcadoiros.
En relación coa auga, segundo os datos facilitados polo Concello de Sanxenxo, nos sete primeiros meses do ano consumíronse 1.127.000 metros cúbicos, 136.000 máis que nos sete primeiros meses do ano anterior.
En abril, mes no que coincidiu este ano a Semana Santa, consumíronse 60.0000 metros cúbicos máis que o mes anterior e tamén se multiplicou por catro entre xaneiro e xullo, de modo que o Concello non ten ningunha dúbida de que "os datos de consumo de auga permiten ver a evolución do aumento de visitantes en Sanxenxo".
En relación co lixo xerado e recollido polos servizos municipais, entre xaneiro e xullo de 2016 recolléronse 5.724.000 quilos de materia orgánica, mentres que no mesmo período de 2017 xeráronse 5.860.000 quilos, 136.000 máis. Tamén se xerou máis lixo nos colectores de envases, papel e vidro destinados á reciclaxe, pasando de 614.000 quilos nos sete primeiros meses de 2016 a 642.000 quilos en 2017.
Tamén se rexistrou un incremento dos vehículos que chegaron ata Sanxenxo. O aparcadoiro de Nauta emitiu en xullo 30.100 tickets, case 650 máis que un ano antes. Ademais, esta fin de semana entrou en funcionamento o aparcadoiro da Praza do Mar, con 208 novas prazas para estacionar. O sábado ás 22.30 horas xa se encheu a zona interior e en menos de dúas horas tamén a exterior.
Relacionadas:
-
Sanxenxo atópase entre os destinos vacacionais máis baratos de España
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo, punto de partida da ruta Presume de Galicia
Por Redacción |
-
Carmela Silva alerta de que as Rías Baixas poden morrer de éxito ante a masificación do turismo
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Poio e Marín acadaron bos datos turísticos no mes de xullo
Por Oskar Viéitez |