O invasor que chegou a O Grove dende Sudáfrica hai mais dun século
Por Oskar Viéitez
Carpobrotus edulis, tamén coñecida como herba de coitelo ou uña de gato, foi citada por primeira vez en España no Grove en 1900. Orixinaria de Sudáfrica, Carpobrotus edulis empregouse como planta ornamental fixadora de solos en zonas costeiras. Máis dun século despois esta planta invasora coloniza areais de toda a costa da península provocando unha grave perda de biodiversidade e ameazando a flora autóctona protexida.
Ás dificultades para a súa eliminación, súmase o deterioro que provoca no solo, impedindo unha rexeneración a medio prazo.
Para poder poñer freo á súa expansión é preciso coñecer a relación ecofisiolóxica entre a especie exótica e as especies de dunas mariñas e este foi o obxectivo dun proxecto interuniversitario coordinado por investigadores do Grupo de Ecofisioloxía Vexetal da Universidade de Vigo en colaboración con científicos da Universidade de Santiago de Compostela.
Segundo informa o Diario da Universidad de Vigo este traballo foi seleccionado polo Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Orientada aos Retos da Sociedade. O estudo arrancou en xaneiro de 2014 e finalizou, tras tres anos de traballo, con importantes avances de cara á loita contra esta especie invasora, centrados sobre todo na mellora dos mecanismos de extracción manual das plantas.