O plan de mellora de accesos ás vivendas tamén beneficia aos veciños da Reigosa
Por Redacción
Acceder a tres vivendas situadas na parroquia de A Reigosa é agora moito máis sinxelo grazas a obra de acondicionamento e asfaltado acometida polo Concello de Ponte Caldelas durante a pasada semana.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou a mellora, que abrangue preto de 200 metros, e comprobou os resultados que, segundo expresaron os veciños afectados, son óptimos. O acceso entronca coa estrada autonómica xusto en fronte do pavillón deportivo.
A obra consistiu tamén no fresado na parte final do camiño, pois a existencia de rocha e un recheo de cemento facía moi difícil a manobra de acceso a un garaxe.
O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está a desenvolver un plan de mellora nos accesos a vivendas situadas en núcleos rurais. Todas elas teñen como denominador común a existencia de accesos de terra en moi malas condicións dende hai anos, sen que se tivera actuado ata o día de hoxe.
O alcalde subliña que, aínda que estamos diante de obras de pequeno formato, van acometidas moitas decenas delas nestes dous anos de mandato, o que obrigou a un esforzo de xestión e totaliza un investimento moi apreciable.