O programa "Tecendo lazos" da Deputación chega este ano a 45 concellos
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar as solicitudes de adhesión presentadas por 45 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra interesados en participar na segunda edición de "Tecendo Lazos".
Trátase dunha iniciativa destinada a fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre.
O obradoiro máis demandado polos concellos foi "Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia", onde as familias compartirán xogos tradicionais e tamén construirán xoguetes cos que xogaban as persoas maiores da súa familia, para que as máis novas os coñezan e tamén facer un repaso á historia.
Despois, "O noso son", sobre cancións e bailes locais e "Faino ti mesmo" onde as persoas participantes desenvolverán actividades de expresión plástica e manualidades con elementos reciclados e reutilizados.
No obradoiro "Rastrexos" as familias mellorarán os seus coñecementos en historia e na realidade social e cultural da súa contorna e, por último, "Risos en familia".
Como novidade deste ano, todos os obradoiros levan incorporado un módulo, "A historia do meu concello", no que os e as participantes recompilarán as historias, lendas, contos e fotografías dos seus municipios. Ademais, elaborarán un traballo (en formato papel ou audiovisual) con todo o material que recompilen e que poderán presentar a un concurso no que a Deputación premiará o mellor traballo.