Poio pon en marcha un plan de mellora dos locais municipais
Por Redacción
A biblioteca municipal de Poio, ubicada en Campelo, a antiga Escola Unitaria de Viñas, o centro cultural Xaime Illa de Raxó, o local social de Campelo e a Casa Museo Colón forman parte do grupo de locais municipais de Poio beneficiados do plan de melloras que puxo en marcha hai varias semanas o Concello e que se prolongará durante varios meses.
A primeira edificación que xa ten a actuación rematada é a biblioteca municipal de Campelo, na que se realizaron tarefas de limpeza e encintado das paredes exteriores do edificio e traballos de mellora no parque infantil, que conta cun novo tobogán.
Tamén están xa rematadas as actuacións no centro cultural Xaime Illa, onde se procedeu á limpeza de graffitis nos cristais e paredes exteriores e a realizar arranxos na varanda e no alumeado das terrazas. O local está a punto para o ciclo de Música ao Sopor que se realizará esta primeira quincena de agosto, aínda que de aquí a final de ano será obxecto de máis obras no interior..
Na antiga Escola Unitaria de Viñas está prevista a obra de maior importancia, ao incluir a reparación do teito, obras de acondicionamento no interior e actuacións para eliminar as barreiras arquitectónicas existentes e mellorar a accesibilidade do aseo. As obras comenzaron esta semana e o Concello comprometeuse a entregar o local ás asociacións que ensaian e organizan as súas actividades antes do 11 de setembro.
No Local Social de Campelo e a Casa Museo Colón as obras deberán agardar aínda varios meses.