O PP pon a disposición dos afectados polas plusvalías un impreso para instar ao Concello a devolución
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra puxo a disposición dos veciños un modelo de solicitude para poder reclamar o imposto de plusvalía cobrado indebidamente.
O portavoz local do PP, Jacobo Moreira, acusou este xoves en rolda de prensa ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de ser consciente de que cada día que pasa moitos veciños perden a oportunidade de reclamar "e aínda así non fai nada por remedialo".
O pasado 19 de xullo, Jacobo Moreira, acompañado polo deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia, José González, solicitou ao Goberno local a posta en marcha de mecanismos que permitisen informar e proceder á devolución das plusvalías cobradas de maneira irregular. Ademais, mentres non se proceda á modificación da normativa, propuxo ao Concello suspender o cobro deste imposto cando quede acreditada a inexistencia de incremento de valor.
"Lamentablemente o BNG de Lores non está a axudar aos veciños", afirmou Moreira respecto daquelas persoas que tiveron que facer fronte a este imposto a pesar de que o inmoble que venderon perdeu valor e por tanto non correspondería tributar por este concepto.
O edil popular tamén informou que este xoves os populares presentaron unha moción neste sentido ao considerar que "Lores está a ser desleal cos pontevedreses".
En Galicia, ao redor de 18.300 veciños poderían pedir a devolución da plusvalía, dos que 5.600 corresponden á provincia de Pontevedra. Jacobo Moreira lembrou que se liquidaron desde o ano 2013 case seis millóns de euros en 12.741 declaracións de plusvalía no noso Concello, "previsiblemente un 50% podería estar afectado", sinalou.
Relacionadas:
-
O PP acusa o goberno local de "ocultar" aos veciños que existe un criterio para devolver o imposto de plusvalía
Por Redacción |
-
Primeira sentenza en Pontevedra que obriga a devolver a un contribuínte o imposto de plusvalía
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra modificará o imposto de plusvalía cando o faga Facenda
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide que o Concello deixe de cobrar a plusvalía nas "vendas a perda"
Por Alejandro Espiño |