Rematan as obras de mellora da seguranza viaria entre Carballedo e Caroi e anuncian a construción dun lombo
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra confirmou este mércores que remataron as obras de mellora da seguranza viaria que estaban a realizar nun treito da estrada provincial EP-0401 entre Carballedo e Caroi, na parroquia de Corredoira, no Concello de Cercedo-Cotobade. Tiveron un orzamento de 9.627,30 euros.
A obra permitiu dotar beiravía a un treito da estrada na súa marxe esquerda, xa que carecía dela e tiña a marca viaria ao bordo da plataforma, o que supoñía un perigo tanto para os peóns como para os vehículos que circulaban pola zona. Así mesmo, na zona de cuneta de terra existente entre o bordo da calzada e o muro de peche existente producíanse importantes problemas de filtracións de auga que prexudicaban gravemente o firme.
Ademais, incluía a mellora da rede de augas pluviais e a construción dunha cuneta de formigón e finalmente finalizou dúas semanas antes do previsto, segundo confirmou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez.
A empresa adxudicataria comezou as obras o pasado 19 de xullo cunha limpeza de marxes e a excavación dunha gabia de máis de 110 metros. Posteriormente instalouse o colector para dar continuidade ás augas pluviais e as arquetas de formigón que serven como rexistro. O prazo de execución previsto, segundo indicou Benítez, era dun mínimo dun mes en función das condicións climatolóxicas, mais finalmente reduciuse á metade xa que non se atoparon complicacións na obra.
A maiores desta actuación de seguranza viaria,Uxío Benítez anunciou que a Deputación realizará en breve o repintado de toda a sinalización horizontal desta mesma estrada Carballedo-Caroi instalando un paso de peóns sobreelevado con iluminación.