Comisións Obreiras critica o "pasotismo" do goberno local de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
O "pasotismo" do goberno municipal de Sanxenxo "é a recompensa que recibe a profesionalidade dos traballadores do servizo de limpeza viaria", quen "grazas o seu sobreesforzo conseguen manter uns niveis de limpeza do municipio máis que aceptables". Así o di o secretario de organización de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa.
Este sindicato afirma que despois da súa denuncia na que revelaban que a concesionaria da limpeza viaria de Sanxenxo "incumpre de maneira palmaria a contratación de 20 traballadores temporais para reforzar o servizo nos meses do verán", o goberno municipal de Sanxenxo, segue sen adoptar ningunha medida para obrigar a empresa para cumprir as condicións establecidas no prego de contratación do servizo, a pesar de que "recoñeceu tácitamente este feito".
García Pedrosa apunta que no sindicato non alcanzan a entender como este "gravísimo incumprimento" da empresa conta coa "permisividade" do goberno de Telmo Martín, cando a empresa, ao non proceder a contratación de traballadores temporais, está a obter uns beneficios económicos "de maneira ilícita". Engade que esta cuestión "podería ser obxecto de rescisión do contrato con Ascan".
Comisións Obreiras vai máis aló e afirma que ese gasto realizado polo Concello cos ingresos obtidos dos impostos dos veciños "podería cualificarse de apropiación indebida de fondos públicos".
Finalmente este sindicato esixe ao alcalde de Sanxenxo "que actúe de inmediato e que ordene á empresa cumprir cos seus deberes", porque pola contra estaríase producindo unha "situación de complicidade inexplicable, que ademais non se merecen os traballadores de ASCAN, que con esta situación, están a ser indignamente explotados".