A finca de Segade busca ser "referente" no turismo industrial da provincia
Por Redacción
O Concello de Caldas, coa colaboración da Deputación no marco do Plan Concellos, quere converter a finca de Segade de Arriba, coñecida como a finca da fábrica da luz, nun "referente" dentro do turismo industrial na provincia de Pontevedra.
Trátase dun proxecto que naceu hai máis de dez anos, segundo explicaron o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que visitaron este martes a finca que será obxecto de rehabilitación.
A finca de Segade ten un investimento por parte da institución provincial de 32.459 euros e que ten por obxecto a compra dunha superficie de 17.000 metros cadrados dos terreos que conforman esta parcela.
Trátase dun terreo localizado neste lugar da parroquia de San Andrés, próximo á súa fervenza e no que resaltan as centenarias ruínas da antiga central hidroeléctrica, un edificio catalogado como patrimonio industrial europeo e que tivo un grande protagonismo na historia da industria eléctrica galega.
Coa compra deste espazo, "transformarase Caldas para gardar unha imaxe viva da nosa historia" a través da "recuperación de edificios industriais, que é unha parte importantísima da atracción turística de moitos destinos internacionais coa captación de públicos con capacidade adquisitiva", asegurou a presidenta, "e que temos que conseguir que se implante na nosa provincia, polo que me alegro de que Caldas sexa un dos primeiros en facelo".
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, lembrou que "este edificio foi o emblema da modernidade da comarca" e avanzou algúns detalles do proxecto, que pretende impulsar o espazo a través do sendeirismo e a beleza paisaxística.
"Escollemos libremente financiar o proxecto a través do Plan Concellos porque queremos que este proxecto vaia da man dos e das mellores", asegurou o rexedor municipal.
A implicación da Deputación pasará por distintas achegas desde a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, a Escola de Cantería "para dotarlle unha imaxe en pedra" ou a imprenta provincial "rescatando do esquecemento a historia deste espazo cunha publicación que poña en valor o que foi cando o ano que vén se cumprirán 120 anos da súa posta en funcionamento".
Neste proxecto atópase involucrada Isabel Aguirre, gañadora de premios nacionais cos seus traballos paisaxísticos en lugares como o parque de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) ou Javier Piñeiro.
Relacionadas:
-
A Fábrica de Luz en Caldas acolle obras de urxencia para mellorar a súa seguridade
Por Redacción |
-
Caldas recibe axudas da Deputación para obras no parque infantil e no xardín botánico
Por Redacción |
-
Carmela Silva alerta de que as Rías Baixas poden morrer de éxito ante a masificación do turismo
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A Deputación aproba achegas do Plan Concellos para Poio, Bueu e Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Carmela Silva visita as obras financiadas polo Plan Concellos en Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez |