A xornalista guionista e escritora pontevedresa Diana López Varela será este ano a pregoeira da manifestación antitouradas organizada pola plataforma Touradas Fóra de Pontevedra o sábado 12 de agosto.
A organización anunciou este martes a elección de Diana López como a "persoa ilustre da nosa vila" elixida este ano para ler o manifesto da súa manifestación destacando que se trata dunha pontevedresa "ecoloxista e antitouradas sempre".
A autora do libro feminista No es País para Coños e da obra de teatro do mesmo nome lerá o manifesto tras a manifestación convocada para as 20.00 horas do sábado 12 na praza da Peregrina.
A plataforma convocante mantén que a feira taurina de Pontevedra "é a última que se celebra en Galicia" e considera que cada ano "ten menos apoios". Por iso, a plataforma espera que esta mobilización reflicta que o movemento antitaurino "vai aumentando" entre colectivos sociais e a propia cidadanía. Na actualidade, segundo sosteñen, o 85% dos galegos "rexeitan as touradas".
Ademais da propia manifestación, Touradas Fóra de Pontevedra preparou unha serie de actividades previas "para ir creando ambiente".