Detido cando tentaba esconder un paquete con droga a poucos metros dun control de Tráfico
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo na tarde deste luns un home ao que os axentes observaron como se detiña a pouca distancia dun control que tiñan establecido na autovía do Salnés para tentar esconder un paquete sospeitosos que logo resultou ser droga.
Todo ocorreu a partir das 18.30 horas na autovía do Salnés ao seu paso polo Concello de Meis. O home presuntamente detívose e arroxou o paquete a unha leira con moita maleza. Os axentes da Garda Civil de Tráfico que estaban a realizar o control, tras observar a súa actuación, identificárono e buscaron o paquete no medio da maleza.
O paquete foi localizado pouco despois e comprobouse que era droga, de modo que tanto o condutor como o turismo foron trasladados ao cuartel da Garda Civil de Cambados, onde se rexistrou o vehículo ante a sospeita de que o nome non só levaba a droga que tentou esconder, senón que transportaba máis sustancia no coche.
O home investigado conta con antecedentes policiais por feitos similares de tráfico de drogas.