Técnicos de Patrimonio inician o informe para rehabilitar a Ponte de Almofrei
Por Redacción
Técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio realizaron unha visita á Ponte de Almofrei, na parroquia de Cerdedo-Cotobade, para iniciar a elaboración do preceptivo informe previo á obra de mellora e consolidación desta infraestrutura que conta con cinco séculos de antigüidade.
Os especialistas acudiron ata a zona acompañados por unha representación veciñal, que lles explicou a situación actual da ponte para acometer a rehabilitación a pesar de que os técnicos xa contan con este documento. O traballo dos técnicos de Patrimonio centrouse en certificar a situación deste punto de paso.
A estrutura desta ponte data do século XVI e os anos e o paso do tempo afectaron á súa conservación. O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, está a centrar o seu traballo ao redor deste proxecto buscando recursos económicos necesarios con distintas administracións.
A consellería de Educación e Cultura, Román Rodríguez, achegará 20.000 euros para esta obra e Cubela segue xestionando a consecución de novas partidas para poder completar o orzamento.
A Ponte de Almofrei une esta parroquia con Mirón e está situada nun val moi estreito difícil de salvar e por iso construíuse, fai ao redor de 500 anos, cun só ollo nunha zona con menor pendente. Serviu de ruta de arrieros desde as terras do sur. A infraestrutura, construída en sillería de granito, atópase suxeita sobre grandes rocas e presenta un arco con case oito metros de luz e dez de altura.