O PP de Poio pide un pleno extraordinario para abordar a modificación do IBI
Por Redacción
O PP de Poio solicita que se celebre un pleno extraordinario no que se pedirá modiicar a ordenanza fiscal do IBI para mitigar o impacto da regularización catastral sobre as familias "compensando os ingresos adicionais que tería a maiores o concello".
O presidente local do PP, Ángel Moldes, presentou este venres no rexistro municipal a solicitude seguindo o acordado por unanimidade o pasado domingo nunha asemblea veciñal celebrada en San Xoán. O escrito, asinado por todos os concelleiros do grupo municipal, insta ó alcalde a convocar unha sesión nun prazo de 15 días hábiles.
O pleno votará 3 propostas: A rebaixa do tipo de gravame do IBI urbano de acordo coa información financeira que debe achegar o concelleiro de Facenda; a aplicación dunha bonificación fiscal de ata o 95% no IBI rural de inmobles ou construcións adicadas a fins agrícolas ou gandeiros; e a posibilidade de engadir novas bonificacións potestativas como as baseadas nos ingresos dos contribuíntes, novas construcións, familias numerosas...
Todos estes acordos implicarán modificar a ordenanza fiscal do IBI local, que data de 2011. O voceiro popular recordou que nestes momentos hai case 3.000 afectados que recibiron máis de 5.000 cartas, polo que o incremento dos recibos por IBI afectará a unha gran parte das familias de Poio.
Moldes recalca a importancia desta proposta e o respaldo veciñal con que se presenta e asegura que esta solicitude de pleno responde a unha labor construtiva. "Non vimos criticar, senón a dar unha solución a un problema con milleiros de afectados no noso concello, e facémolo cunha solución para que ninguén perda", engade.
Relacionadas:
-
"Aínda queda o peor", avisan os populares de Poio sobre o recibo da contribución
Por Oskar Viéitez |
-
O PP abandona o pleno de Poio ao considerarse insultado
Por Redacción |
-
O PP de Poio denuncia "o Pleno da Vergonza" e convoca a veciñanza a unha mobilización
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio acusa o PP de "alarmar e desinformar os veciños" sobre a regularización catastral
Por Oskar Viéitez |