Detida por agredir unha muller de 72 anos en plena rúa para tentar roubarlle o bolso
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detivo esta semana unha moza de 24 anos natural de Madrid por presuntamente agredir unha muller de 72 anos a plena luz do día e nunha das zonas máis céntricas e concorridas da cidade para tentar roubarlle o bolso.
Os feitos ocorreron sobre as 14.00 horas deste mércores na rúa Benito Corbal. Unha muller que presenciou os feitos pediu axuda a unha patrulla da Policía Local que realizaba labores de prevención da seguridade cidadá pola rúa Cobián Roffignac e púxose en marcha unha procura que permitiu localizar á presunto autora e a outra moza que a acompañaba a poucos metros de alí.
A testemuña dos feitos facilitou aos axentes unha descrición física da ladroa e a muller que a acompañaba e os axentes localizáronas en Cobián Roffignac, á altura da intersección coa rúa Padre Luís. Identificáronas a ambas, pero só foi detida a presunta autora material da agresión, que, ademais, tivo que ser trasladada á Comisaría porque non levaba encima ningunha documentación.
Resultou ser unha moza de 24 anos veciña de Madrid. A muller que a acompañaba tampouco é veciña de Pontevedra, senón de Málaga, e ten 35 anos.
Os policías entrevistáronse coa presunta vítima, unha muller de 72 anos que aínda seguía no lugar da agresión, nas inmediacións da tenda de roupa H&M. Relatoulles aos axentes que a muller logo detida asaltouna para tentar roubarlle o bolso e iniciouse un forcexeo entre ambas.
A septuaxenaria opuxo gran resistencia e chegou un momento en que a asaltante lle deu dúas fortes puñadas que lle deixaron dúas contusións no corpo apreciables a primeira ollada polos axentes. Como non o conseguiu, finalmente fuxiu cara Cobián Roffignac.