O PP aviva a polémica xa pechada por Príncipe Felipe e obriga a un pleno que custa 9.025 euros
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A polémica xurdida nas últimas semanas entre a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia en relación coa xestión da Cidade Infantil Príncipe Felipe segue dando rabexadas. A pesar de alcanzarse un acordo para evitar que os menores conflitivos ingresen nestas instalacións, o grupo provincial do PP mantivo a petición de celebración dun pleno extraordinario que realizara cando as relacións eran tensas entre ambas as institucións e celebrouse este venres con momentos non menos tensos.
O pleno foi o segundo do día, pois celebrouse xusto despois do ordinario do mes de xullo, e prolongouse durante 38 minutos. A sesión virou sobre un conflito aparentemente xa solucionado e supuxo un desembolso de 9.025 euros ás arcas provinciais.
Cada mes está previsto un pleno ordinario polo que cada deputado cobra 475 euros, excepto os sete que teñen dedicación exclusiva (catro do grupo de goberno PSOE-BNG e tres do PP) e a presidenta provincial, Carmela Silva, que non os cobran. Supoñen 9.025 euros, pero este mes será o dobre, pois cada sesión plenaria cóbrase por separado e a extraordinaria deste venres solicitada polos 'populares' ten o mesmo custo que a ordinaria.
O pleno incluíu momentos moi tensos, en especial entre o vicepresidente provincial, César Mosquera, e o portavoz do PP, Ángel Moldes. O representante 'popular' explicou que mantivo a convocatoria de pleno para que o grupo de goberno lles achegase unha explicación do que ocorrera na polémica de semanas atrás, para que lles dixesen claramente cal é a súa postura en relación con Príncipe Felipe e para pedir que non se repita que se decaten a través dos medios de comunicación deste tipo de conflitos.
Mosquera respondeulle visiblemente alterado que o grupo de goberno mantivera xestións "discretas" coa Xunta por lealdade institucional e porque se está falando de menores que, por tanto, requiren especial protección e foi a administración autonómica a que filtrou o que estaba a ocorrer á prensa. Ademais, enumeroulle os problemas que está a sufrir o centro tras o acordo asinado polo anterior goberno provincial, polo que a situación é insustentable e moitos traballadores pediron o traslado.
Moldes respondeu as súas argumentacións e a petición do deputado socialistas Carlos López Font de tratar con coidado este tema tan "sensible", nun ton aínda máis alterado e acusou a Mosquera de non crer na Deputación e dun suposto intento de pechar tanto o Parque de Maquinaria como Príncipe Felipe a través do pacto de goberno PSOE-BNG.
"Tampouco creo no Estado español, pero teño que roelo", respondeulle Mosquera, en alusión a que non está de acordo coas deputacións, pero tenta cambialas desde dentro -do mesmo xeito que antes desde a oposición- e foi tallante ao negar ese suposto tento de peche de Príncipe Felipe e, sobre todo, que forme parte do pacto de goberno.
O rifi-rafe entre ambos non chegou a ningunha conclusión e o debate pechouse cunha dura intervención da presidenta da Deputación. A súa profesión é profesora de educación especial e, como tal, é coñecedora da importancia de protexer aos menores e non airear as súas situacións en público, de modo que afeou a Moldes que insista nesta polémica nun novo pleno.
Ademais, quixo deixar claro que a protección dos menores non é unha competencia da Deputación, senón exclusivamente autonómica e é a Xunta quen debe asumila, de aí o seu intento de transferirlle Príncipe Felipe. Non queren pechalo, como lles acusou Moldes, senón que asuma a súa xestión a administración obrigada a facelo.
Relacionadas:
-
Rey Varela celebra o acordo coa Deputación por Príncipe Felipe
Por Alejandro Espiño |
-
O novo plan de autoprotección do Príncipe Felipe garantirá a seguridade
Por Redacción |
-
Acordo para evitar que os menores conflitivos ingresen na Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
A Xunta e a Deputación manterán unha xuntanza este xoves para tratar o conflito do Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido |