A Deputación rexeita as propostas da Xunta para Emerxencias e aposta por un mapa de isócronas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra anunciou que no vindeiro Consorcio Provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento presentarán un informe concreto baseado nun mapa de isócronas para resolver a rapidez na intervención dos bombeiros ante calquera situación de emerxencia nos concellos da provincia.
Así o afirmaba o deputado provincial Carlos López Font que, nas últimas horas, mantiña un encontro na Xunta de Galicia co vicepresidente Alfonso Rueda e cos representantes das institucións provinciais de Ourense, A Coruña e Lugo para tratar o plan de emerxencias.
Con todo, López Font definiu este encontro como unha das peores reunións da súa vida política e cualificouna de "indignante", "encerrona para hacernos un chantaje" ou "pérdida de tiempo" indicando que Alfonso Rueda presentara "un papelito" no que establecía acordos sobre modelo de xestión que convidaba a asinar como condición para despois tratar o resto de problemas relacionados coas emerxencias.
O deputado do goberno provincial indicou que ese documento non van sometelo a ningunha consideración porque non van entrar no xogo da Xunta de Galicia.
López Font indicou que neste momento co plan comarcal de bombeiros, elaborado por Rueda e o anterior presidente da Deputación, Rafael Louzán, non se pode garantir unha actuación nun tempo menor a 20 minutos por parte dos servizos de Emerxencias en distintos puntos da provincia.
Ante esta situación, o goberno provincial quere establecer un mapa baseado en isócronas, de forma que se estableza intervalos de tempo similares para os distintos Concellos. López Font indicou que para acometer este plan sería necesario crear un parque comarcal con xerarquía e establecer diferentes instalacións na provincia.
"Hay que cambiar el modelo", afirmou e realizou un chamamento para que se reúna a comisión técnica para tratar este tema. Sinalou que desde o 26 de abril, a Deputación presentara dous documentos para sometelos a debate para mellorar o actual plan de emerxencias e, a pesar de contar cos votos favorables dos representantes da Xunta no consorcio, non se apoiaron desde o goberno autonómico.
O convenio dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) finaliza o 21 de decembro de 2018.
INICIATIVAS NO PARLAMENTO
Coa mesma intención, a deputada socialista Patricia Vilán rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento nas que lle reclama á Xunta que "revise o modelo de xestión" de emerxencias "mediante a implantación dun mapa baseado nas isócronas".
A deputada parlamentaria lembra que os problemas na extinción do incendio de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, foi a última evidencia de que o modelo actual "necesita unha urxente revisión".
Relacionadas:
-
A Deputación e a Xunta crearán unha comisión de traballo para mellorar os servizos de emerxencias
Por Oskar Viéitez |
-
O PP insiste na "falta de ética e transparencia" da Deputación en relación co Consorcio de Bombeiros
Por Redacción |
-
A Plataforma de Bombeiros Públicos aposta por un Plan de Emerxencias baseado en isócronas
Por Redacción |
-
Instan a Deputación a asumir a súa competencia en emerxencias: "Deixen de tomar o pelo aos veciños"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O PP pide "claridade" á Deputación sobre os parques de bombeiros e que lle faciliten o informe sobre o servizo
Por Redacción |
-
A Xunta propón un acordo para cambiar o modelo de xestión dos parques comarcais de bombeiros
Por Redacción |
-
O incendio de Tenorio volve poñer en cuestión o mapa de emerxencias na comarca de Pontevedra
Por Natalia Puga |