A rúa Recamán, a un paso de ser unha rúa máis accesible
Por Redacción
As obras de pavimentación da rúa Recamán de Marín comezarán este venres 28 de xullo e incluirán a rehabilitación e mantemento do firme, de maneira que contribuirá a aumentar a seguridade viaria.
A actuación está financiada con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra e ten un orzamento de 77.282,68 euros. A empresa adxudicataria é Contrucciones, Obras y Viales S.A.
As obras incluirán a limpeza das beirarrúas que delimitan o pavimento da calzada a rehabilitar mediante unha hidrolimpadora a alta presión que elimine materia vexetal e arranque todo tipo de incrustacións.
A obra tamén implicará a desmontaxe e traslado da unidade semafórica existente entre esta rúa e a avenida Jaime Janer para posibilitar a implantación dun vado peonil. Tamén se establecen un paso de peóns na intersección coa pista a Viñas Blancas e outro no camiño vello de San Pedro . Desta maneira, garántese a continuidade e integridade do intinerario peonil accesible na transición entre a beiravía e a vía.
A obra inclúe a reparación de beirarrúas nas zonas defectuosas e deterioradas e o fresado de toda a calzada, coa a eliminación parcial da capa do pavimento do firme, preservando todo aqueles rexistros, sumideiros e arquetas da calzada.