Identifican un home por vender haxix desde un ciclomotor na Barca
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio denunciou dúas persoas por estar implicadas nunha transacción de drogas en plena rúa na avenida da Barca, unha delas como o presunto vendedor da sustancia e, polo tanto, responsable dun delito contra a saúde pública e outra como presunto comprador e responsable dunha infracción administrativa por tenza de drogas na vía pública.
Segundo informou a Policía Local, unha patrulla que estaba a realizar labores de seguridade cidadá observou un viandante que facía ademán de parar o condutor dun ciclomotor que circulaba pola avenida da Barca en dirección Pontevedra. A continuación, o condutor parouse ao carón do viandante e produciuse o intercambio.
Os dous individuos conversaron durante uns intres e o condutor do ciclomotor entregou ao viandante unha sustancia a cambio dun billete. Os axentes presenciaron o intercambio e, a continuación, identificaron ambos homes e interviu a sustancia, que resultou ser haxix.
Os axentes denunciaron no Xulgado de Garda ao condutor por un presunto delito contra a saúde pública por presunta venta de sustancias estupefacientes na vía pública. Trátase dun veciño de Poio con antecedentes.
A persoa que comprou o haxix foi denunciada pola vía administrativa ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra por tenza de sustancias na vía pública.