Os traballos de reurbanización do último treito da avenida de Vigo comezan este mércores
Por Redacción
Este mércores comezarán os traballos de reurbanización do último tramo da avenida de Vigo, entre a rúa Luís Seoane e o entroncamento coa rotonda do Nó do Pino. Trátase dun espazo de 300 metros no que a empresa Covsa acometerá os traballos cun orzamento de 236.782 euros. Está previsto que esta reforma finalice a primeiros de decembro deste ano. A intervención será similiar á do primeiro tramo da avenida de Vigo, que levou a cabo coa apertura da avenida Josefina Arruti.
Durante este mércores instalaranse as casetas de obra e trasladarase o material de obra para que o xoves comecen a levantarse as beirarrúas. Desde o goberno local indícase que a obra contempla estacionamento en liña en ambos os lados da rúa, manter un carril de circulación, beirarrúas dun mínimo de tres metros e completar a iluminación que falta, ademais de reconstruír a rede de rede de sumidoiros.
Segundo o equipo de goberno do Concello de Pontevedra trátase dunha actuación acordada cos veciños desta zona coa que se quere mellorar a imaxe dunha das saídas urbanas da cidade.