Un condutor ferido ao chocar o seu furgón cunha gasolineira, envorcar e quedar atrapado dentro
Por Redacción
O condutor dun furgón resultou ferido na tarde deste luns ao chocar cunha gasolineira na parroquia de Curro, en Barro, envorcar e quedar atrapado no interior.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o accidente produciuse sobre as 16.00 horas. O vehículo chocou contra unha das columnas da estación de servizo, o que provocou que o condutor quedase atrapado no interior do furgón.
Ao lugar desprazáronse os bombeiros de Pontevedra e O Salnés, alertado polo 112 dada a gravidade do sinistro. O condutor tivo que ser excarcerado e, tras recibir unha primeira asistencia no lugar dos feitos, foi trasladado ao Hospital Montecelo.
Os feitos ocorreron na estrada PO-531, que une Pontevedra e Curro, e que sufriu complicacións circulatorias durante o tempo que durou a intervención.
Ata o lugar achegáronse tamén, tras recibir o aviso do CAE 112 Galicia, 061-Urxencias Sanitarias, a Garda Civil de Tráfico e o servizo de mantemento da estrada.