O PP solicitará un pleno extraordinario en Poio para pedir a rebaixa do IBI
Por Redacción
Veciños de Poio acudiron ao encontro na Comunidade de Montes de San Xoán co voceiro do PP, Ángel Moldes, para tratar a regularización catastral. O representante popular considera que o éxito da convocatoria débese ao silencio e ocultación de información por parte do goberno local. Sinala que o alcalde Luciano Sobral non fixo nada para aforrarlle centos de milleiros de euros aos veciños.
Os afectados comezaron recentemente a recibir comunicacións sobre a regularización catastral. Moitos veciños, segundo Ángel Moldes, xa tiveron que pagar os 60 euros do recibo pero alerta de que "o peor está por chegar" xa que o IBI calculado sobre os novos valores catastrais non se pasará a cobrar ata o vindeiro exercicio cos atrasos de ata catro anos.
Moldes manifestou aos veciños que o Concello será quen máis ingresará despois da regularización do catastro e podía ter evitado este pagamento da taxa e atrasos. Puxo de exemplo ao Concello da Estrada onde o alcalde alertou do procedemento aos veciños e iniciou un sistema voluntario de regularización antes do proceso de oficio "aforrando taxas e atrasos".
Tras a exposición do voceiro popular, as solucións propostas por Moldes consisten en reclamar unha rebaixa no tipo de gravame do IBI urbano que actualmente é de 0,47 e que cada concello pode establer libremente dentro do mínimo do 0,40 que fixa a Lei. Esta rebaixa compensaría, según Moldes, as subidas resultantes da regularización. A segunda medida proposta é aplicar as bonificacións no IBI rural que permite a lei de ata o 95% en construcións rústicas. Deste xeito compensaría o recibo que pagarían algúns veciños por galpóns. Poio non está a aplicar este tipo de bonificacións.
Os veciños asistentes estiveron dacordo en que o representante do Partido Popular solicite un pleno extraordinario para reclamar a posta en marcha destas dúas medidas. Algúns destes cidadáns tamén manifestaron a súa preocupación pola falta de información por parte do equipo de goberno, segundo os populares.