"¡Más Monederos se necesitan en este país!"
Por Anxo Lourido
Con 20 minutos de atraso chegaba Juan Carlos Monedero ata a estatua dos Heroes de Ponte Sampaio onde se citou aos medios para ofrecer unhas declaracións do fundador da agrupación política Podemos. A súa anfitrioa, Carme Santos, esperábao na avenida de Santa María e ata alí achegouse o politólogo madrileño e xuntos realizaron un paseo, fortemente agarrados, ata a Alameda baixo o obxectivo dunha tormenta de cámaras.
Baixo a súa camisa aberta lucía unha camiseta negra na que se lía "La rebelión empieza leyendo". Na súa man esquerda sostiña un exemplar de 'Octubre. La historia de la Revolución Rusa', un libro do escritor China Miéville, publicado en maio deste ano.
A primeira pregunta á que tivo que contestar cinguíase á situación de Cataluña e aos últimos anuncios do Goberno. Monedero utilizou unha máxima habitual facendo referencia a que desde que está Mariano Rajoy na Moncloa cada vez hai máis independentistas no conxunto de España. "Algo estará haciendo mal". Aproveitou, a continuación, para criticar a política do goberno do Partido Popular en materia de emprego, de recortes sociais e na convivencia territorial.
Sobre as divisións dentro de En Marea, Juan Carlos Monedero indicou que Podemos en Galicia é unha forza necesaria e unida ao resto do partido no Estado. "Creemos en la pluralidad pero Podemos Galicia va a existir", sinalou que ésta era unha das mensaxes que quería trasladar na súa visita a Pontevedra.
Carme Santos referiuse a En Marea como un proxecto irmán pero considera que Podemos é un partido autónomo e cunha vontade dun proxecto diferenciado aínda que con alianzas para botar ao Partido Popular das institucións.
"No forma parte del siglo XXI que desde las administraciones públicas se apoye a las corridas"
Monedero retomou a palabra para centrarse na política municipal e aproveitou para atacar ao goberno local do BNG en relación coa financiación das corridas de touros. Indicou que non forma parte do século XXI que desde as administracións públicas se apoie ás corridas. Reclamou transparencia na política municipal para demostrar que non se financia a tortura de animais.
Nese discurso, unha muller ás súas costas interrompeu a comparecencia para suxerir tanto a Monedero como a Carme Santos que o necesario era loitar contra Celulosa e acabar co eucalipto para garantir a saúde dos montes.
Monedero continuou falando sobre o Partido Popular referíndose ao partido máis corrupto da historia do noso país e referiuse a Núñez Feijó preguntándose como unha persoa que sae nunha foto cun narcotraficante pode ser presidente dunha comunidade. E nese sentido, pediu que o importante é a unión entre o resto de agrupacións para facer fronte ao PP. Carme Santos aproveitou tamén para criticar a homenaxe dos populares a Manuel Fraga, facendo referencia ao seu pasado franquista e ás declaracións xudiciais de Rosendo Naseiro. Tamén Monedero lembrou o pasado do que fose presidente da Xunta de Galicia e fundador do PP citando varios episodios da época franquista.
Durante as declaracións xuntouse un numeroso grupo de persoas arredor, moitos deles turistas, que non deixaban de facer fotografías e mesmo chegaban a pedirlle un selfie a Monedero tan pronto como terminase as declaracións. Pero ao rematar a comparecencia ante os medios, varios cidadáns achegáronse para expresar diferentes peticións. Un queixábase do problema cos okupas nun piso de Madrid e reclamaba a intervención do goberno de Manuela Carmena, outro lle falaba da súa pensión e a maioría requiríanlle para facerse unha fotografía. Un dos que asistira ás declaracións do politólogo durante máis dun cuarto de hora, tras facerse un selfie, berrou: "¡Más Monederos se necesitan en este país!".
A continuación, no Campiño de Santa María, Carme Santos e Juan Carlos Monedero celebraron un encontro cos Círculos de Podemos.