A segunda Festa Mexicana, principal atractivo da Semana Cultural da Lama
Por Redacción
Regresa a Semana Cultural da Lama. Do 23 de xullo ao 4 de agosto, o municipio encherase de actividades lúdicas e musicais e que, segundo os seus organizadores, terá como principal atractivo a celebración da segunda edición da Festa Mexicana que servirá de irmandamento entre os lamenses residentes en Galicia e no país iberoamericano.
A principal novidade deste ano será a ampliación de datas e a celebración do I Concerto de Bandas de Gaitas que terá lugar o domingo 30 de xullo e no que participarán os compoñentes das agrupacións de música tradicional Os Catro Ventos, a Banda de Gaitas Ría de Ares (A Coruña) e os anfitrións comarcais, Os Coribantes.
A Semana Cutural, que comeza a modo de preámbulo o domingo 23 de xullo con Cinema na Rúa e a proxección na Alameda da Lama da película española Corpo de Elite, contempla tamén a celebración de dous concertos de música de banda na Praza da Pedreira (mércores 26 de xullo e xoves 27) a cargo de Unión de Guláns (Ponteareas) e a Banda de Música Popular de Rubiós (As Neves).
Tamén se celebrará unha festa infantil o sábado 29 con inchables, xogos populares e unha festa da escuma para que gocen os máis pequenos da casa. Para rematar esta xornada dedicada aos nenos o Grupo de Teatro Infantil e Musical "Ilusionistas" poñerá en escena unha obra nun escenario situado na propia Alameda.
O teatro, nesta ocasión de humor, será o protagonista da noite do domingo 30 de xullo no que o grupo Expresión Teatro poñerá en escena na Alameda da Lama, a partir das as 21:30 horas, a obra Os Limpadores.
O luns 31 de agosto a actividade segue no río Verdugo, esta vez a cargo do Club de Piragüismo de Vilaboa que poñerá a disposición do público en xeral, e de todas as idades, canoas auto vaciables para poder sucar este importante afluente que constitúe un dos elementos ambientais máis apreciados na Lama.
Os participantes poderán ter, de forma gratuíta, unha nova perspectiva e experiencia relacionada co río dunha maneira segura e supervisada por monitores experimentados do Club de Piragüismo de Vilaboa.
Os interesados en participar, tanto nenos como adultos, deberán inscribirse previamente na OMIX, nas oficinas do Concello da Lama ou chamando ao teléfono 669 42 81 81 en quendas de hora en hora entre as 17 e as 20 horas.
FESTA MEXICANA
O mércores 2 de agosto tomará protagonismo o tradicional irmandamento entre os galegos residentes en México e os da Lama a través da segunda edición da Festa Mexicana onde terá relevancia o papel do mariachi de Leonardo Flores e o de Fiesta Ranchera que a modo de duelo musical amenizarán a velada na Alameda da Lama á vez que se poderán degustar os distintos pratos mexicanos preparados polo Mesón Mexicano de Tourón.
A Semana Cultural finalizará coa tradicional Festa da Terceira Idade que terá lugar nas Ermidas cunha comida popular e a participación musical dunha charanga que animará durante toda a xornada este reencontro familiar tradicional e que forma parte do panorama estival na Lama.