O Marín do século XVIII, protagonista da próxima Festa Corsaria
Por Redacción
Tres días, os próximos 18, 19 e 20 de agosto, son os elixidos para a celebración dunha nova edición da Festa Corsaria de Marín, un evento que terá lugar na Alameda do municipio e que, na súa sexta edición, xa está plenamente consolidada na programación estival.
O día central desta festa será o 19 de agosto, aínda que a feira de artesanía que se celebrará na Alameda Rosalía de Castro terá unha duración de tres días, nos que se permitirá tanto a particulares como a hostaleiros gozar de comidas e ceas nas rúas.
A feira de artesanía ampliará o seu espazo e, aínda que segue aberto o prazo de inscrición, xa son 52 postos os que formalizaron a súa participación, un 12% máis que o ano pasado.
A gran aposta do Concello de Marín é a consolidación das zonas de celebración do evento, que terán como eixo central a alameda Rosalía de Castro, O Priorado, rúa do Sol e Real, Parque Eguren, Méndez Núñez, Fondo do Saco e Lameira.
En todas estas zonas haberá espazos de actividades, sendo a do parque Eguren a dedicada á novidosa vila mariñeira onde 14 artesáns recrearán os oficios do século XVIII, época na que Marín era unha vila de actividade pesqueira e onde os participantes poderán coñecer o traballo de redeiros, carpinteiros de ribeira, alquimistas ou ferreiros, entre outros.
Maxia, circo, animación, lume e numerosas atraccións non faltarán á cita corsaria do verán e aínda que a organización non quixo desvelar o programa definitivo anunciou que o sábado pola noite a alameda acollerá un man a man entre dous grupos de música tradicional, Pelapau e Virandeira, e o espectáculo final que recreará a batalla de Seixo entre os ingleses e os veciños do Morrazo, capitaneados polos irmáns Gago de Mendoza.
O obxectivo principal marcado pola organización para esta sexta edición da Festa Corsaria é a participación da cidadanía nas actividades programadas. Por iso, aínda que moitos xa entregaron a súa solicitude, continúa aberto o prazo para participar na festa con comidas e ceas para particulares e hostalería ata o 14 de agosto.
Relacionadas:
-
A Festa Corsaria de Marín buscará consolidar a participación na súa sétima edición
Por Redacción |
-
Chega a VI Festa Corsaria de Marín: Isto é unha abordaxe!
Por Diego Torrado |
-
Conta atrás para unha Festa Corsaria de récord
Por Redacción |
-
Marín recruta voluntarios para participar na batalla de Aguete
Por Oskar Viéitez |
-
A Festa Corsaria recibe máis de 50 solicitudes para comer na rúa
Por Redacción |
-
O luns ábrese o prazo para a solicitude de xantares e ceas para a Festa Corsaria
Por Redacción |
-
Marín celebra a quinta edición da Festa Corsaria
Por Redacción |