Bertín Osborne actuará o 28 de xullo na Praza do Mar de Sanxenxo
Por Redacción
Cunha actuación de Bertín Osborne dará comezo en Sanxenxo o ciclo Concertos Q 2017, unha iniciativa que busca divulgar a importancia deste distintivo de calidade para o sector turístico. O artista andaluz actuará o 28 de xullo, ás 22.30 horas, na Praza do Mar.
O concerto, que se enmarca dentro da xira Crooner que Osborne iniciou por España, será gratuíto.
No espectáculo, de case dúas horas de duración, interveñen máis de 20 músicos sobre o escenario, entre eles a AP Big Band, Mariachi Los Caporales e o pianista David Pérez.
Todos eles acompañarán ao cantante para percorrer gran parte da discografía do cantante. Interpretará baladas de sempre, rancheiras e temas ao estilo crooner, cunha big band de 15 músicos ao máis puro estilo jazz americano, coa que Bertín interpreta cancións dos seus últimos dous discos, ademais de varias das súas cancións de sempre
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, destacou que a aposta pola calidade no turismo "levounos a converternos nun dos municipios españois con máis establecementos e praias certificadas de toda España" e con este concerto, dixo, Sanxenxo quere reivindicar esta aposta e converterse nun referente neste sentido.