Sanxenxo en verán propón música, espectáculos e cine para rematar a semana
Por Redacción
'Sanxenxo en Verán 2017' ofrece diferentes alternativas para finalizar esta semana. Este xoves 20, A Banda de Caxade, de Alonso Caxade, ofrecerá un concerto co mellor do seu último traballo 'E isto é o amor' a partir das 22.00 horas na Praza dos Barcos. O grupo ofrecerá o seu estilo folk-pop a través dun son elegante e reivindicativo.
O venres 21, o Parque do Espiñeiro de Portonovo será o escenario da actuación de Circo Chosco, o dúo integrado por Óscar Páez e Arine Azkue, que ofrecerán 'Forzu2', unha montaxe con acrobacias e moito humor e escenas absurdas relacionadas co mundo dos atletas. Comezará ás 22.00 horas.
Tamén o venres no Parque de Santa Eulalia de Nantes, a partir das 22.30 horas, proxectarase a película Canta!, unha película para todos os públicos. En caso de choiva, a proxección será na Casa da Cultura.
O sábado 22, o municipio turístico contará con diversas actuacións dentro da programación de verán. A partir das 22.00 horas, a praza pública de Vilalonga acollerá o espectáculo 'Falar sen cancelas' cos humoristas Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei.