O kamikaze da AP-9, condenado a 20 meses sen carné e 32 días de traballos sociais
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 1 de Caldas condenou a catro meses prisión, 20 meses sen carné e 32 días de traballos en beneficio da comunidade ao condutor kamikaze que na madrugada do pasado venres foi localizado circulando en sentido contrario pola autoestrada AP-9 e deu resultado positivo na proba de alcoholemia.
O home, JL.F.T., veciño da localidade coruñesa de Outes de 58 anos, foi sometido este martes a un xuízo rápido no que se lle suspendeu a pena de prisión e non terá que ingresar en ningún centro penal ao non ter antecedentes. Si terá que cumprir o resto da condena.
A Garda Civil de Tráfico detívoo por dous delitos contra a seguridade viaria, un por condución temeraria e outro por levar un vehículo superando a taxa de alcol permitida. Pola condución temeraria, o xulgado condenouno a catro meses de prisión e 12 meses sen carné e pola condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas a pena foi de oito meses sen permiso de conducir e os 32 días de traballos sociais.
Todo ocorreu sobre as 3.55 horas da madrugada. Varias persoas chamaron á central de Tráfico alertando de que había un turismo circulando pola autoestrada á altura do quilómetro 83 en sentido contrario ao estipulado. Varias patrullas de Pontevedra e Santiago puxéronse sobre aviso e acabaron localizando ao condutor á altura de Caldas de Reis, no punto quilométrico 111,80.
Localizárono uns 20 minutos e maís de 28 quilómetros despois do aviso, sobre as 4.15 horas. O home circulaba en sentido Tui, pero facíao polos carrís destinados ao tránsito en sentido contrario, cara á Coruña. Utilizaba un turismo Volkswagen Scirocco e, cando os axentes o someteron á proba de alcoholemia, deu un resultado positivo con taxas de 0,78 miligramos de alcol por litro de aire expirado no primeiro test e 0,76 no segundo.