O alcalde de Ponte Caldelas critica que a Xunta non invista na rede de saneamento do municipio
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, mostrou o seu malestar pola falta de investimento por parte da Xunta de Galicia no seu municipio para a conexión das vivendas á rede de saneamento. Sinala que, desta forma, o Concello ten que destinar os recursos a estes traballos mentres a Xunta opta por acometer "millonarias actuacións en obras de dubidosa prioridade nos municipios gobernados polo PP".
Estes días finalizaron os traballos de conexión á rede de saneamento de seis vivendas situadas en lugares complicados en Cuñas, Caldelas, A Quintán e Santa Ana. Estas casas quedáronse sen enganche no seu día debido á orografía.
A colaboración entre o Concello e os veciños permitiu que agora se poidan conectar á rede.
En todos os casos, os propietarios das vivendas realizaran peticións para poder acceder a este servizo de saneamento.