O Concello de Ponte Caldelas agradece o inicio das expropiacións da PO-234, pero non esquece as críticas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas reaccionou este martes á noticia de que empeza o proceso para a expropiación dos terreos afectados pola reforma da estrada PO-234 ata a parroquia de Laxoso. A reacción é de agradecemento polo inicio dos trámites, pero tamén de crítica, pois o alcalde, Andrés Diaz, recalca que o expediente que está a información pública deixa claro que a Xunta de Galicia "non tivo un comportamento correcto" co Concello.
En concreto, consideran que tivo un mal comportamento ao esixir ao Concello que recollera 'papeliños' de cesión gratuíta dos terreos, papeis sen valor legal ao non estar precedidos das correspondentes trámites de segregación, escritura notarial e rexistro.
Ademais, insiste en que a Relación de Bens e Dereitos Afectados que está a exposición pública inclúe 74 fincas, 25 menos que as 99 que se lle comunicaron ao Concello hai un ano. O Concello calificar de "chapuza" aquela listaxe do ano pasado, que incluía persoas falecidas, outras en paradoiro descoñecido e emigrantes.
Andrés Diaz tamén critica que leva seis meses agardando a que a Xunta de Galicia confirme a aceptación do convenio polo que o Concello asume o custo das expropiacións como fórmula de desbloqueo político. O Concello deu o visto bo ao último borrador e só introduciu pequenas modificacións, entre elas que, como institución que cofinancia a obra, apareza en toda a publicidade institucional.
Nembargantes, "a día de hoxe, non temos claro se a Xunta segue adiante co convenio ou, despois de iniciar o procedemento expropiatorio, asume a súa obriga de expropiar", lamenta Andrés Díaz, "porque o certo é que se mobilizan moito coa súa propaganda, pero a nós, que somos os lexítimos representantes de toda a veciñanza de Ponte Caldelas, non nos din nada".
Pese a estas críticas, o Concello celebra o inicio dos trámites e felicita aos veciños do municipio polas súas protestas dos últimos meses, pois consideran que fixeron posible o comezo destas obras, prometidas xa no ano 2011.