O Concello de Ponte Caldelas defende que a falta de socorristas é "un problema temporal" alleo á súa xestión
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas explicou este domingo as causas da falta de socorristas durante a fin de semana, tal e como denunciou o grupo municipal do Partido Popular.
O alcalde, Andrés Díaz, entende que "se temos un problema é temporal e por causas alleas ao Concello", xa que se trata dunha dificultade, a de contratar socorristas titulados, que afecta a moitas localidade galegas.
A bandeira azul que ondea na praia fluvial da Calzada obriga a dispoñer de tres socorristas no cadro de persoal e á presenza permanente de dous deles, pero estes últimos días Ponte Caldelas dispoñía dun só, polo que tivo que retirar o dispositivo poñéndoo en coñecemento da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), que regula as bandeiras.
O Concello informou xa ao comezo de xullo, argumenta Díaz, de que arrancaban a tempada cun socorrista titulado e dous en prácticas debido á 'espatada' doutra persoa que fora contratada pero que non acudiu ao seu posto o primeiro día que foi convocado.
A situación mellorará nos próximos días xa que os socorristas en prácticas conseguiron xa a titulación e un deles informou que se incorporará ao servizo na praia da Calzada. Non foi así no outro caso, pero hai outro candidato que se puxo en contacto co Concello e espérase poder ofrecer a cobertura completa na zona de baño "en breve espazo de tempo".
Para Andrés Díaz as críticas do Partido Popular neste asunto son "inxustas por proceder da desinformación", e completa a súa argumentación sinalando que algunhas empresas e asociacións do sector reclaman en ocasións tarifas de ata 200 euros ao día por socorrista, o que supoñería un "custo irracional" por manter o servizo durante a fin de semana.
Relacionadas:
-
O PP de Ponte Caldelas cre que o goberno de Díaz debe dimitir pola perda da bandeira azul
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas renuncia á bandeira azul da Calzada pola falta de socorristas
Por Redacción |
-
Sen socorristas na praia fluvial da Calzada "por falta de previsión", denuncia o PP
Por Redacción |
-
A praia fluvial da Calzada recibe usuarios de Special Olympics Galicia
Por Redacción |
-
Os bañistas da praia da Calzada fórmanse en prevención de afogamentos
Por Redacción |