A vendima adiántase a finais de agosto
Por Oskar Viéitez
Os viticultores do Salnés esperan iniciar a vendima a finais de agosto. O tempo seco rexistrado nas Rías Baixas favorecen os intereses dos produtores da Denominación de Orixe Rías Baixas que se libraron dos estragos causados polos temporais de choiva e de saraiba deste inverno e que arruinaron a colleita no resto de Galicia.
Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, avalan esta tese e apuntan que a estas alturas do ano xa detectaron un adianto no pintado da uva.
"Loxicamente non é a situación máis habitual nas viñas, e só o observamos en dúas leiras, pero é significativo que se detecte a estas alturas", asegura a técnico Rosa Pérez.
En canto ás patoloxías a EFA indica que hai unha ausencia significativa dos síntomas da maior parte das patoloxías posibles nas leiras, nas que a situación dos acios é moi sa, pero aconsellan manter a vixilancia á espera de comprobar a evolución da fenología dos próximos días e tamén as condicións climáticas.
As expectativas son tan boas que os viticultores esperan unha produción "histórica" segundo apunta Manuel Ángel Dopazo, secretario xeral comarcal de Unións Agrarias en Caldas e o Salnés que aventura que "serán moitos produtores que superen as cotas asignadas" polo que este sindicato pedirá o seu incremento.
"1,2 quilos de uva por metro cadrado nunha colleita normal alcánzase perfectamente, por iso o cupo debe ser acorde coa realidade do que producen as plantas", afirma Dopazo.
Unións Agrarias pedirá ao Consello Regulador de Rías Baixas que debido a esta colleita excepcional se incremente nun 25% o cupo de vendima como contempla o regulamento que ata agora só permite que cada viticultor recolla 12.000 quilos de uva por hectárea.
Argumenta Manuel Ángel Dopazo que o incremento das vendas en Rías Baixas ten que ir asociado a un aumento nas cotas. Ademais os viticultores quéixanse do elevado prezo dos tratamentos contra pragas como o mildiu, o oidio e botritis, entre outros.