Tongo en Meaño, dun censo de 8 viticultores só votaron 7 pero no reconto apareceron 9 votos
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O Diario Oficial de Galicia deste venres publica a anulación dos resultados da mesa electoral do concello de Meaño (Pontevedra) nos comicios ao Consello Regulador de Denominación de Orixe Rías Baixas.
En concreto na mesa para viticultores de máis de dúas hectáreas, tal e como foi denunciado na Xunta Electoral Central, dun censo de oito viticultores só votaron sete pero no reconto apareceron nove votos. A esta candidatura presentáronse tres listas, unha de ASAGA, outra de independentes e unha de Unións Agrarias (UU.AA.).
No reconto xeral de todas as mesas o resultado final foi de 35 para ASAGA, 29 para a lista independente e 27 para Unións Agrarias, polo que a diferenza deses votos a Xunta electoral considerouna determinante para modificar o resultado e por tanto procede á anulación desa mesa.
As eleccións nesta mesa de Meaño repetiranse o vindeiro domingo.
O secretario xeral de UU.AA., Roberto García, e o secretario xeral comarcal deste sindicato en Caldas e o Salnés, Manuel Ángel Dopazo, compareceron este venres en Pontevedra nunha rolda de prensa para anunciar que pediron ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a suspensión cautelar destas eleccións ao entender que deberían repetirse as eleccións "na totalidade do censo" xa que ao coñecerse o resultado das outras mesas influirá nas novas votacións.
"Isto non é por casualidade", afirmou Roberto García xa que uns días antes dos comicios a recentemente constituída ASAGA "unha simple marca que utiliza o PP" saca un bo resultado no Salnés "nesta Denominación de Orixe moi politizada" onde "as adegas e o Partido Popular foron sempre moi da man".
O secretario xeral de UU.AA. apuntou que a campaña electoral polas portas das casas "estiveron a facela os concelleiros do Partido Popular".
Unións Agrarias sopesa non presentarse aos comicios deste domingo se é que non se suspenden preventivamente. "Non nos imos a prestar ao paripé de concorrer a esas eleccións nesa mesa".
Roberto García sinalou que esta decisión non ten "nada que ver cun proceso de vencedores e perdedores" xa que nos consellos reguladores os resultados das eleccións non presupoñen modificación de quen dirixe a denominación de orixe, segundo o actual modelo de repartición de vogais "o presidente e os órganos directivos póñeno as industrias", é dicir, segundo Unións Agrarias, mandan as adegas de máis de cen mil litros.
"A efectos sindicais imos ter o mesmo resultado", o proceso de repartición vai dar a Unións Agrarias un vogal "suficiente para poder ter a información para seguir defendendo aos viticultores e denunciando as distintas estratexias", concluíu Roberto García.