Revisa as condicións do teu vehículo: a DXT comeza unha campaña especial
Por Redacción
A idade media dos vehículos que circulan actualmente pola comunidade galega é de 15 anos. Segundo a Dirección Xeral de Tráfico persiste a tendencia ao envellecemento do parque de automóbiles. Por iso desde o luns 17 de xullo e ata o domingo 23 axentes da Agrupación de Tráfico da Guadia Civil van intensificar os controis de vixilancia. O obxectivo que se pretende é garantir que se cumpre cos requisitos establecidos na lexislación.
As óptimas condicións do vehículo son un factor importante respecto ao aumento ou redución da sinistralidade. De feito a antigüidade do vehículos é un factor de risco ao carecer dos sistemas e equipamentos de seguridade que se foron introducindo nos últimos anos. O dato que achega a DXT é a comparativa entre accidentes con vehículos con máis de dez anos de antigüidade e con menos de cinco. O risco de falecer ou resultar grave duplícase no primeiro caso.
O mantemento e posta a piques de neumáticos, freos, iluminación e sinalización é imprescindible para reducir a sinistralidade. Así, a DXT lembra algunhas pautas para manter un adecuado estado dos vehículos:
- Comprobar con frecuencia a profundidade do debuxo dos neumáticos. Aínda que o límite legal é de 1,6 milímetros, o recomendable é un mínimo de 3.
- As lámpadas deben cambiarse cada dous anos ou cada 40.000 quilómetros. De igual forma hai que ter sempre limpas as ópticas.
- As placas de matrículas deben ser perfectamente legibles e non estar deterioradas.
- En canto á documentación, xunto ao permiso de conducir débese levar obrigatoriamente o permiso de circulación, o cartón da ITV co adhesivo correspondente, visible na lúa dianteira.
Dáse a circunstancia que na mesma campaña da DXT realizada en xullo do ano pasado, o maior número de denuncias tramitadas estaban relacionadas coa Inspección Técnica de Vehículos (ITV). Nesta próxima, a campaña dispoñerá do máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles e advertirase aos condutores da existencia próxima de controis, sempre que sexa posible.