Conclúen os cursos de verán da Uned con incremento de asistencia e inscrición
Por Redacción
A maquinaria administrativa leva un ritmo e actividade das institucións outro. Este xoves 14 concluíron os cinco cursos de verán que ofertou o centro asociado da Uned en Pontevedra, e unhas horas antes no edificio administrativo de Michelena rubricouse o convenio económico entre Concello e entidade académica. A achega municipal para a celebración da oferta formativa estival é de 9.400 euros.
Beatriz Rodríguez López, directora do centro pontevedrés fixo un balance satisfactorio da recentemente concluída edición dos cursos de verán. Incrementouse o número de matriculados, que pasaron dos aproximadamente 300 do ano pasado a superar neste caso os 400 inscritos. Ademais, tamén se apreciou que o seguimento presencial volve a repuntar fronte á oferta por streaming dos cursos.
Neste 2017 os cinco cursos ofrecidos versaron sobre: "A antropoloxía en casa. Traballos de campo sen exotismo", "Arte e lenda no Camiño de Santiago", "Aprendizaxe ubicuo e móbil", "Violencia, agresividade e resolución de conflitos" e o quinto - no centro penal da Lama-, sobre "Técnicas e medios para a inserción laboral na sociedade do coñecemento". A directora da Uned sinalou que os dous primeiros foron os que máis inscricións recibiron.
As propostas estivais da Uned contan cuns asistentes moi heteroxéneos. Aqueles que acoden de fóra, compaxinan as horas de formación co turismo polas Rías Baixas e resto de Galicia. Rodríguez López tamén engadía que os relatores concluíron a súa participación cunha impresión moi satisfactoria da cidade.