A II edición do TEK-FEST será un Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio
Por Oskar Viéitez
A II edición do TEK-FEST será un Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio que conectará a memoria da cidade coas tecnoloxías emerxentes a través de distintos obradoiros e actividades que se realizarán en lugares emblemáticos de Pontevedra, do 25 ao 30 de setembro.
En rolda de prensa a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, xunto co concelleiro de Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña, e o delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, acompañados polo director creativo do TEK-FEST, Toño Cabanelas, e a directora de Esdemga, Lola Dopico, avanzaron as catro liñas de contido para esta edición do encontro e destacaron a integración dos "novos socios" que colaboran este ano no TEK-FEST.
A incorporación de Esdemga á organización do festival é unha das principais novidades deste ano nun TEK-FEST que quere mirar a distintos aspectos do patrimonio da cidade dende a perspectiva tecnolóxica e a artesanía dixital. E para iso proponse "crear sinerxias sumando novos axentes á organización deste encontro, como a Deputación de Ponvedra ou a Universidade de Vigo", subliñou Anabel Gulías.
O festival este ano terá así catro liñas fundamentais de actuación.
En primeiro lugar, un obradoiro de VR + Patrimonio, impartido por Bermudas Land, ofrecerá aos participantes a posibilidade de reconstruír imaxes antigas da cidade pasándoas a un formato inmersivo en 360 graos.
O segundo obradoiro, coordinado por Esdemga, leva por título "Calor+Memoria" e achegarase á memoria téxtil da cidade a través dos novos procesos de tratamento de superficies. Será impartido por Arantza Vilas, deseñadora e investigadora galega afincada en Londres, onde creou Pinaki Studios, e que destaca pola súa investigación en novas materias téxtiles. Tamén é coñecida por ter deseñado parte do vestiario da serie "Xogo de Tronos".
Outro dos platos fortes deste ano será a Homenaxe aos "Tekis" do século XX, coa que o TEK-FEST quere reivindicar o patrimonio dos inventores galegos. Os protagonistas desta homenaxe serán este ano os irmáns Portela Seijo, de Santiago de Compostela, que foron pioneiros na enxeñaría acústica e audiovisual patentando inventos como o magnetófono de cable de acero, que quixo comprar Philips en 1942, ou o Organ Sound, o mítico altofalante feito a base de cilindros e inspirado nos tubos do órgano da Catedral de Santiago.
Precisamente o Organ Sound será obxecto durante o TEK-FEST dunha reconstrución a cargo do artesán dixital Miguel Espada, do estudio Espadaysantacruz, que xa o ano pasado participara no TEK-FEST coa instalación "Light Kinetics" inspirada na ponte do Burgo de Pontevedra. A reconstrución do Organ Sound permitirá volver á vida a este singular aparello e reconvertelo nun instrumento de música electrónica, un modular synth, co que se fará unha acción sonora e audiovisual no TEK-FEST que servirá de homenaxe pública aos Portela Seijo, coa presenza dos seus herdeiros.
Por último, a mencionada Mostra VR traerá a Pontevedra unha selección internacional dos mellores contidos en realidade virtual, co foco posto nos contidos experimentais e naqueles relacionados coa moda e co patrimonio. Esta mostra está patrocinada por Samsung, que proporciona varios equipos e gafas de VR para que todos os pontevedreses que o desexen poidan acudir a ver en exclusiva estes filmes.
Todas as actividades do TEK-FEST este ano serán gratuítas
Todas as actividades do TEK-FEST este ano serán gratuítas, incluídos os obradoiros de VR + Patrimonio e de Memoria textil de Pontevedra, que teñen prazas limitadas. Estes obradoiros están dirixidos a estudantes de Belas Artes, Moda e Comunicación Audiovisual, e tamén a profesionais dos ámbitos do deseño, a artesanía, a imaxe e a cultura dixital.
Nas próximas semanas faranse públicas as convocatorias para que as persoas interesadas poidan incribirse nos procesos de selección de participantes. A inscrición poderá facerse a partir da última semana de xullo a través da web do festival.