Ingresa en prisión un ladrón reincidente por roubar unha gargantilla de ouro polo método do tirón
Por Redacción
O Xulgado de Garda de Vilagarcía decretou o ingreso en prisión dun mozo detido este martes 11 de xuño pola Policía Nacional como presunto autor dun roubo polo método do tirón cometido á primeira hora da mañá.
Segundo informou a Policía Nacional, o mozo, natural de Marrocos, foi arrestado como presunto autor dun roubo con intimidación e é xa coñecido nas dependencias policiais por cometer outros roubos con violencia utlizando o mesmo procedemento. En febreiro xa foi detido por dous roubos con violencia e naquel momento o xulgado decretou o seu ingreso o servizo de Psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedra.
Os feitos sucederon sobre as 8.00 da mañá. Unha muller chamou á Policía Nacional para denunciar que un individuo se lle achegou por detrás e arrincoulle unha gargantilla de ouro que levaba ao pescozo.
O presunto ladrón foi detido pouco despois e lograron recuperar a roupa que levaba posta no momento do roubo, que estaba escondida entre unhas matogueiras próximas ao lugar dos feitos. Tras o arresto, pasou a disposición xudicial e ingresou en prisión.