Oito persoas desaloxadas por un incendio de madrugada en Marín
Por Redacción
Bombeiros do parque comarcal do Morrazo interviñeron durante a madrugada deste xoves na extinción dun incendio orixinado nun edificio de vivendas de cinco plantas da rúa Jaime Janer de Marín no que foron desaloxadas oito persoas e cinco necesitaron atención sanitaria.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o lume afectou unicamente a un colchón. Con todo, a intensa fumareda obrigou aos veciños a abandonar as súas casas. En total, foron evacuados oito veciños, catro deles da familia que vive no piso onde se iniciou o lume. Entre esas catro persoas había un mozo de 16 anos e un bebé duns tres meses.
Catro maiores e o bebé foron trasladados polo 061 ao centro de saúde e todos foron dadas de alta despois de que os atendera o persoal médico.
Unha persoa particular alertou sobre as 4.45 horas de que estaba a saír moito fume polas fiestras dunha das vivendas. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou do incendio aos Bombeiros do Morrazo e á Policía Local.
Segundo informou a Deputación Provincial, unha dotación de garda dos bombeiros desprazouse ata o lugar cun vehículo de primeira intervención e o auto escaleira. Unha vez no lugar, verificaron que xa foran desaloxadas todas as persoas da vivenda incendiada, entre elas un bebé, e o resto de veciños do edificio.
Despois de localizar o foco e de extinguir o lume, procederon á ventilación da vivenda para poder permitir o realoxamento dos veciños unha vez a medición de monóxido de carbono foi apta para poder realizar esta tarefa. A intervención rematou case tres horas despois, ás 7.26 horas.